saltar ao contido

Santalices: “profesamos a fe galeguista, a máis grande militancia que un galego de ben pode profesar”

Entrega premio 05/12/2017

• O presidente do Parlamento participou, en Vigo, na entrega do premio “Voz de Liberdade”, outorgado polo Centro Pen Galicia a Méndez Ferrín
 
Santiago, 5 de decembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Vigo, no acto de entrega do VIII Premio “Voz de Liberdade” 2017, outorgado polo Centro Pen Galicia ao escritor Xosé Luis  Méndez Ferrín como recoñecemento á defensa do galego e da liberdade de expresión.
 
Na intervención de peche do acto, Santalices apuntou que o galardón distingue a un ”patriota da lingua” e a “un dos mellores escritores galegos contemporáneos, traducido a moitas linguas, e probablemente tamén o escritor galego máis veces proposto para o Premio Nóbel”.
 
Militancia galeguista
 
O presidente do Parlamento recoñeceu, referíndose a Méndez Ferrín que “os dous profesamos a fe galeguista, e isa é a máis grande militancia que un galego de ben pode profesar”.
 
Apuntou Santalices que entre os fondos documentais que custodia o Parlamento se atopa un feixe de cartas remitidas por Otero Pedrayo a Carballo Calero a finais dos anos 50. Nunha delas, Otero Pedrayo informa ao destinatario que coñecera  unha nova xeración universitaria integrada por “mociños” como Méndez Ferrín e felicítase porque considera que con eles está asegurado o porvir do galeguismo.
 
O titular do Lexislativo galego recordou a súa aposta por “abrir o Parlamento. Queremos que a xente nos visite e nos coñeza. E tamén que o Parlamento estea coa xente”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina