saltar ao contido

O presidente de Societat Civil Catalana visita o Parlamento de Galicia

Visita 26/02/2018

• O titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, fai votos por unha pronta resolución da crise catalana no marco do  Estado de Dereito
 
Santiago, 26 de febreiro de 2018.- O presidente de Societat Civil catalana, José Rosiñol Lorenzo, acompañado por dous vicepresidentes da entidade, efectuou esta mañá unha visita ao Parlamento de Galicia, onde foi recibido polo titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
No transcurso da reunión, Santalices Vieira fixo votos por unha pronta resolución da crise catalana no marco do Estado de Dereito e avogou por superar a fractura social provocada polo desafío soberanista. “Ao meu modo de ver, para superar a situación resulta imprescindible antepoñer o ben común e os intereses colectivos ao individualismo que tanto dano leva provocado”, afirmou Santalices Vieira.
 
Santalices Vieira agasallou a José Rosiñol un volume da Constitución e o Estatuto de autonomía, e un exemplar da Normas Institucionais de Galicia, publicacións editadas pola Cámara galega e que recompilan o alicerce xurídico do sistema institucional da Comunidade Autónoma de Galicia, “exemplo de convivencia, probablemente tamén como consecuencia do respecto ao marco normativo do que entre todos nos temos dotado”, en palabras de Santalices.
 
Societat Civil Catalana é unha plataforma cidadá transversal que conta con máis de 20.000 adheridos de todo o arco democrático e ten como obxectivo dar voz e visibilidade ás persoas de Cataluña que se senten catalanas e españolas, ao tempo que aposta por normalizar a convivencia. Buscan unha Cataluña aberta e plural, plenamente integrada en España e na Unión Europea. Societat Civil Catalana foi galardoada recentemente co Premio de Convivencia da Fundación Manuel Broseta.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina