saltar ao contido

Santalices considera que “unha inmensa maioría social se identifica” co recoñecemento do Parlamento a Cáritas, Aldeas Infantiles e COGAMI

Medallas Parlamento de Galicia 2018 06/04/2018

• A Cámara galega acolleu o acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia de 2018, con “marcado acento social”
 
• “Avanzamos pola senda da recuperación, pero esta non será completa nin debemos darnos por satisfeitos mentres os efectos positivos  non se estendan a cantos o precisan”
 
• O presidente  do Parlamento recorda a “obriga de exemplaridade” que teñen deputadas e deputados e pide “respecto escrupuloso ao marco normativo e institucional” e tamén para a separación de poderes e as decisións xudiciais
 
Santiago, 6 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de entrega das Medallas da Cámara que, nesta ocasión presentan un “marcado acento social” ao recoñecer o traballo das Cáritas Diocesanas de Galicia, Aldeas Infantiles SOS Galicia e a Confederación Galega de  Persoas con Discapacidade (COGAMI).
 
O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que a institución que preside  se esforza para  ser e actuar como o “espello no que se sentan fielmente reflectidos cada galega e cada galego” e considerou que a concesión destas Medallas “nos permite avanzar nese obxectivo, na medida en que unha inmensa maioría social se identifica co recoñecemento institucional que hoxe tributamos”.
 
Con todo, Santalices explicou que canda as tres entidades concretas galardoadas hoxe, “queremos recoñecer a todas as organizacións que, case sempre caladamente, ofrecen apoio e confortan a quen máis o precisa”.
 
O acto celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou coa asistencia de numerosas personalidades. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo pronunciou o discurso de clausura.
 
Aldeas Infantiles SOS Galicia
 
Centrándose no labor das entidades galardoadas, o presidente do Parlamento lembrou que aínda que a asistencia á infancia vulnerable está plenamente normalizada na actualidade, “non sempre foi así”. “Desde os seus inicios –afirmou-, Aldeas Infantiles ofreceu un modelo de acollemento e atención avanzado, inspirado no agarimo, a protección e o apoio ao que todo neno ou nena ten dereito e do que xamais debería verse privado”.
 
A xuízo de  Santalices, Aldeas Infantiles “supuxo un radical cambio de paradigma, deixando atrás o modelo dos vellos hospicios e apostando sen complexos pola tenrura e os estímulos positivos”.
 
Cáritas
 
Logo de referirse á intensa crise económica que “agrediu con dureza a persoas e familias”, o  presidente do Parlamento sinalou que “por fortuna, organizacións como Cáritas –pero Cáritas moi especialmente- chegaron e chegan alí onde os poderes públicos non alcanzan”. Por iso, agregou que “nunca agradeceremos abondo o esforzo de todo o equipo de Cáritas” e sinalou que, “con razón, Cáritas ten acadado o recoñecemento unánime da sociedade española e galega, agradecemento que o Parlamento de Galicia quere expresar a través desta Medalla”.
 
Santalices Vieira afirmou que aínda que “avanzamos pola senda da recuperación”, esta “non será completa nin debemos darnos por satisfeitos mentres os efectos positivos non se estendan a cantos o precisan, incluíndo colectivos e persoas que viven na marxinación ou na exclusión, como algunhas das que centran os desvelos das entidades hoxe
recoñecidas”.
 
COGAMI
 
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) resultou tamén distinguida no acto de hoxe xa que, en palabras do presidente da Cámara, “o acento social destas medallas non sería  tal sen ter en conta as entidades que operan no ámbito da discapacidade, unha realidade que a ninguén pode deixar indiferente”.
 
De COGAMI, Santalices destacou que, malia a súa relativamente curta historia, esta organización “ten demostrado con feitos o enorme potencial das persoas con discapacidade, persoas coma nós, mais con capacidades diferentes” e fixo un chamamento ao conxunto da sociedade para apoiar a inserción laboral deste colectivo.
 
“Do mesmo xeito que este Parlamento está dando pequenos pasos –acordes coas súas modestas posibilidades- para integrar as persoas con discapacidade, estou convencido de que a maioría das empresas e institucións poden facer o mesmo. Todos estamos obrigados a facer máis”, dixo o presidente da Cámara.
 
Obrigas de deputadas e deputados
 
O presidente do Parlamento aproveitou a súa intervención para referirse  ás  obrigas de deputados e deputadas na súa condición de “lexítimos representantes” do pobo galego.
 
Recordou Santalices a “obriga de exemplaridade no noso actuar cotiá, no ámbito público e tamén no privado. A ética sempre por riba da política”.
 
“Obriga de procurarmos o entendemento, malia que ás veces partamos de posicións antagónicas”, subliñou o titular do Lexislativo galego antes de apuntar a necesidade de “respectar ao adversario político”, ao que “xamais” debe considerarse inimigo.
 
Apuntou tamén Santalices a obriga que deputadas e deputados teñen de profesar un “respecto escrupuloso ao marco normativo e institucional que entre todos fomos construíndo desde o diálogo ao longo destas catro décadas de democracia parlamentaria en España e en Galicia”.
 
“Obriga de respectarmos a separación de poderes, esencial para salvagardar a democracia; e obriga tamén de acatar as decisións xudiciais –todas as decisións xudiciais- con independencia do posicionamento persoal ou ideolóxico de cadaquén”, apuntou.
 
Aniversario do Estatuto
 
Recordou o presidente do Parlamento que a entrega das Medallas da Cámara se celebra coincidindo co aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, o 6 de abril de 1981. “Culminada así –afirmou- a longa noite de pedra que nos privara de democracia e de autonomía; e comezabamos un camiño ilusionante no que, coas achegas de todas e todos, fomos edificando o noso autogoberno, galego, autónomo e leal co marco institucional español e europeo do que formamos parte indisoluble”.
 
Un proceso que é “consecuencia directa” da Constitución española de 1978, da que se derivan “40 anos de estabilidade e crecemento”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina