• Santalices reitera que “a mellor ferramenta para acadar a plena integración en todos os ámbitos pasa pola educación e pola formación” e pide a colaboración das familias xitanas para evitar o abandono e o fracaso escolar
Santiago, 9 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde un acto institucional enmarcado na conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra o 8 de abril de cada ano para facer visible a realidade e os problemas da que é considerada a maior minoría étnica de Europa.
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu a unha delegación da Fundación Secretariado Xitano. No transcurso do encontro proxectouse o vídeo Partir de Cero, unha iniciativa encamiñada a poñer de manifesto a discriminación e o rexeitamento que padecen xitanas e xitanos.
O presidente do Lexislativo galego expresou, facéndose eco do sentir dos 75 deputados e deputadas da Cámara, o “desexo da plena integración e do benestar do pobo xitano”.
Santalices Vieira felicitou á Fundación Secretariado Xitano polo traballo que está a desenvolver no ámbito da integración e amosouse convencido de que, malia os obstáculos aos que se enfrontan estas persoas, “non todas as portas están pechadas”, como se conclúe logo de ver o vídeo proxectado no acto.
Educación
Subliñou o titular do Lexislativo galego que “a mellor ferramenta para acadar a plena integración en todos os ámbitos pasa pola educación e pola formación”.
Por iso, Santalices instou ás familias xitanas a esforzarse por fidelizar e mellorar o rendemento académico dos máis novos porque “nin o abandono nin o fracaso escolar admiten desculpas”.
O presidente da Cámara animou tamén aos integrantes da comunidade xitana a enviar as súas propostas ao Parlamento. “Serán para nós un estímulo”, dixo.
O acto contou tamén coa intervención da directora territorial da Fundación Secretariado Xitano-Galicia, Eva Vera Ledo; e do director xeral de Inclusión da Consellería de Política Social da Xunta, Arturo Parrado Puente. Asistiron representantes dos grupos parlamentarios e do Valedor do Pobo.