saltar ao contido

Santalices: “Galicia está en débeda con Otero Pedrayo e con toda a súa xeración”

Simposio en Santiago 23/04/2018

 
• O presidente do Parlamento inaugurou en Fonseca o simposio “Os anos máis felices: Otero en Compostela”, organizado pola Fundación Otero Pedrayo

Santiago, 20 de abril de 2018.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que “Galicia está en débeda con Otero Pedrayo e con toda a súa xeración”. Ao seu xuízo, “eles son os auténticos pais fundadores da Autonomía de Galicia e case todos pagaron un altísimo prezo  por ese servizo: coa súa vida, coa cadea, co desterro, co exilio ou, como no caso de Don Ramón, sendo afastado da docencia, castigado sen emprego e soldo, entre 1937 e 1948”.
 
Santalices efectuou esta reflexións no acto inaugural do simposio “Os anos máis felices: Otero en Compostela,  organizado pola Fundación Otero Pedrayo no marco do denominado “Abril Oteriano”. O acto celebrouse no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Santiago.
 
A xuízo do titular da Cámara galega, Otero Pedrayo foi “un modelo a seguir”, na medida en que o caracterizaban cualidades como o seu “profundo compromiso galeguista, a súa inquebrantable honestidade e coherencia persoal e política, as súas fortes conviccións éticas e a súa infatigable curiosidade intelectual”.
 
Logo de referirse aos anos de docencia de Otero Pedrayo na Universidade de Santiago e os cambios rexistrados desde entón, o presidente do Parlamento recordou que, ao longo das últimas décadas, “Galicia dotouse das súas propias institucións de autogoberno e, canda este proceso, avanzamos tamén en autoestima e en autocoñecemento. Sen intención algunha de caer na autocompracencia, é de xustiza recoñecer que a lingua e a cultura de Galicia están hoxe normalizadas grazas, en parte, ao traballo dos nosos devanceiros, e grazas tamén ao autogoberno que entre todos fomos edificando”. Agregou Santalices que “canda a lingua e a cultura avanzan tamén a ciencia e a economía; avanza, en suma, a sociedade galega no seu conxunto”.
 
O acto inaugural contou tamén coa participación, entre outros, do reitor da Universidade de Santiago, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o presidente da Fundación Otero Pedrayo, e os presidentes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega.
Logo do acto inaugural, o presidente do Parlamento presentou a Ramón Villares Paz que, nese mesmo simposio, pronunciou unha conferencia titulada “De Trasalba a Compostela”.
 
Paralelismos entre Otero Pedrayo e Villares Paz
 
Logo de compartir cos asistentes o extenso perfil académico e intelectual do profesor Villares Paz, Santalices subliñou o “paralelismo” entre a produción bibliográfica de Ramón Villares e as preocupacións, vivencias e traballo de Otero Pedrayo. Cuestións como a xeografía, o agro, o ocaso da fidalguía ou os retos da cultura galega  son “asuntos presentes na obra e no pensamento destes dous eruditos galegos”, en palabras de Santalices, que destacou tamén a “paixón compartida pola lusofonía” de Otero Pedrayo e Villares Paz.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 
 
 
 
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina