• O presidente do Parlamento pronunciou unha conferencia no acto de graduación da oitava promoción da Escola Universitaria de Enfermería Povisa
• Recorda que o Parlamento de Galicia é o Lexislativo autonómico máis activo de España ao tempo que se sitúa entre os máis baratos e eficientes do conxunto do Estado
• Conclúe que o sistema sanitario galego é un “un modelo ben valorado pola cidadanía”
Santiago, 21 de xuño de 2018.- “Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade”, foi o título da conferencia pronunciada esta tarde polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no acto de graduación da oitava promoción da Escola Universitaria de Enfermería Povisa, en Vigo.
Santalices destacou ao “papel fundamental” que desenvolve a enfermería na administración de coidados de calidade, axeitados a cada contexto asistencial. Ao seu xuízo, a enfermería constitúe unha “peza clave” na asistencia sanitaria.
O presidente do Lexislativo galego referiuse á evolución histórica das especialidades de enfermería, que teñen o seu inicio no ano 1957 coa especialidade en obstetricia e xinecoloxía (matrona/matrón). Para Santalices, o Decreto 81/2016, da Xunta de Galicia, polo que se crea no Sergas a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista, constitúe un punto de inflexión na medida en que senta as bases para a implantación gradual das especialidades de enfermería (familiar e comunitaria, saúde mental, traballo, pediatría, xeriatría, e de coidados médico-cirúrxicos).
Na súa intervención, o titular da Cámara galega fixo un repaso pola historia, competencias, funcionamento e composición actual do Parlamento de Galicia.
Parlamento activo, barato e eficiente
Referiuse Santalices aos diferentes mecanismos de participación cidadá no Parlamento de Galicia e á intensidade do traballo na institución, que con 506 horas de debate en Pleno desde o inicio da Lexislatura segue sendo á Cámara autonómica máis activa de España. Ademais, o Lexislativo galego sitúase entre os máis baratos e eficientes do conxunto do Estado, cun custe 3,5 veces inferior ao Parlament de Cataluña, a metade do Parlamento Vasco ou 2,8 veces máis barato que o Parlamento de Andalucía.
O presidente da Cámara defendeu tamén a política de portas abertas do Parlamento e o “intenso compromiso social” da institución.
No ámbito sanitario, Santalices debullou as diferentes iniciativas que a Cámara desenvolve en materia de promoción da saúde en colaboración con diferentes sociedades médicas. Sinalou, como exemplo, campañas como a de detección precoz do glaucoma, sobre reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibrilador externo semiautomático, de doazón de sangue, vacinación, promoción da dieta cardiosaudable ou a de prevención do melanoma.
Apuntou que das arredor de 400 leis aprobadas polo Parlamento de Galicia ao longo da súa historia, arredor de 30 gardan relación directa coa saúde. Santalices puxo tamén en valor o sistema sanitario galego, “un modelo ben valorado pola cidadanía”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.