• O presidente do Parlamento de Galicia exerceu como delegado rexio na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, unha tradición que cumpre 375 anos
• Sinala a crise demográfica como un dos grandes desafíos do momento e reclama “condicións axeitadas para que criar e educar aos fillos deixe de ser unha ousadía para os seus proxenitores”
• Avoga por unha “política migratoria consensuada, blindada fronte a bandazos tacticistas ou brotes xenófobos”
• “Que España atope un camiño de concordia, no que todas as sensibilidades teñan acomodo dentro do respecto á lei, onde a diversidade ideolóxica, cultural, lingüística, histórica, económica ou de xénero sexan sempre factores de enriquecemento e xamais de ruptura ou enfrontamento entre iguais”
• Lamenta os casos de corrupción e apunta que “con independencia dos feitos que deben xulgar os tribunais, resulta imprescindible que todos pidamos desculpas -con responsabilidade ou sen ela- polos erros cometidos e seguir reforzando os mecanismos de prevención”
Santiago, 25 de xullo de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou hoxe, en representación do Rei Felipe VI, a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, unha tradición que cumpre 375 anos.
Durante a súa intervención, pronunciada no transcurso cunha cerimonia litúrxica celebrada na Catedral de Santiago, o oferente reclamou “consenso” e “fórmulas imaxinativas” aos dirixentes políticos para afrontar desafíos como a preservación do Estado de benestar ou a crise demográfica.
“Preservar a viabilidade do Estado de benestar- que se manifesta través da sanidade, a educación, os servizos sociais, a atención as persoas en situación de vulnerabilidade, o sistema público de pensións e tantas outras prestacións- constitúe unha obriga moral que a todos concerne”, dixo Santalices. “Trátase dunha meta difícil, pero alcanzable”, engadiu.
Conciliación como prioridade
Respecto á crise demográfica, “que compromete o noso futuro”, o delegado rexio considerou que “crear as condicións adecuadas para que criar e educar aos fillos deixe de ser unha ousadía para os seus proxenitores é unha necesidade imperiosa; facilitar a conciliación debería ser unha prioridade en calquera contorno laboral”. Porque “sen nenos non hai futuro”.
O presidente do Parlamento referise á crise migratoria como outro dos retos actuais. Apuntou que Europa “bota de menos unha política migratoria consensuada, blindada fronte a bandazos tacticistas ou brotes xenófobos; medidas ambiciosas que contemplen aos migrantes como persoas, que busquen a integración e fuxan dos guetos, que aposten pola educación que inmunice fronte a hipotéticas e indesexables radicalizacións”.
Nunha invocación ateigada de contido social, Santalices Vieira tivo presentes ás familias, ás persoas migrantes, ás afectadas pola crise, ás persoas con adiccións ou ás que padecen algunha doenza. “Aliviar o padecemento físico e psicolóxico do enfermo –agregou- e ofrecer coidados paliativos a quen o necesite ao final da vida eríxese nunha obriga moral fronte á que non resultan admisibles os atallos”.
Mandato ético fronte aos incendios
O delegado rexio falou tamén da ameaza que supoñen os incendios forestais e apuntou que “facer canto estea ao noso alcance para previlos, cumprir o ordenamento xurídico e manter unha actitude vixiante fronte a este tipo de delincuencia constitúe un mandato ético inescusable para todas as persoas de boa vontade”.
Reiterou Santalices a condena social fronte á violencia de xénero, un drama que ao seu xuízo, require “un enfoque global, máis aló dos recursos institucionais; un enfoque que conte coa implicación de particulares e institucións, que comece no fogar e na escola, e corrixa condutas inapropiadas que en ocasións se desencadean a partir de patróns observados na propia rede”.
Honrar a memoria das vítimas
Na Ofrenda ao Apóstolo, o presidente do Parlamento lembrou ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois, ás vítimas do terrorismo e de calquera outra forma de violencia. “Perpetuemos e honremos a súa memoria, a memoria de todas as vítimas”, dixo.
Para Galicia, Santalices pediu “seguir transitando por sendas de entendemento, estabilidade e crecemento económico que a todos estenda os seus efectos positivos”.
O delegado rexio tivo presente na súa invocación á xuventude, “para que se impregne de valores humanos e, unha vez concluída a etapa formativa, atope un futuro laboral estable que lle permita formar unha familia e construír unha sociedade mellor”; e tamén aos maiores “para que logo dunha vida de traballo e sacrificio, pidan desfrutar do seu outono vital con plenitude e serenidade, nun contorno de respecto, cariño e recoñecemento ao seu legado”.
O oferente fixo votos “por cada un dos españois e galegos -tamén cantos exercemos responsabilidades públicas- para que nos esforcemos por actuar con rectitude e honestidade, na procura dunha sociedade máis xusta, harmoniosa e inclusiva”.
Para o rei Felipe VI, o presidente do Parlamento desexou “que continúe exercendo as súas responsabilidades con acerto, moderación e eficacia, ao servizo dunha España que sexa fogar común para todos os seus habitantes”.
España como espazo de concordia
Nesta liña, sinalou que “queremos unha España que sexa quen de atopar un camiño de concordia, no que todas as sensibilidades teñan acomodo dentro do respecto á lei, onde a diversidade ideolóxica, cultural, lingüística, histórica, económica ou de xénero sexan sempre factores de enriquecemento e xamais de ruptura ou enfrontamento entre iguais”.
“Unha España –agregou Santalices- na que todas e todos gocemos dos mesmos dereitos e teñamos acceso a prestacións e servizos públicos similares, con independencia da idade ou lugar de residencia”.
Pedir desculpas
O presidente do Parlamento de Galicia fixo tamén referencia aos casos de corrupción que afectan á credibilidade das institucións. “Con independencia dos feitos que deben xulgar os tribunais, resulta imprescindible que todos pidamos desculpas –con responsabilidade ou sen ela- polos erros cometidos e seguir reforzando os mecanismos de prevención para impedir que accións deste tipo podan repetirse no futuro”.
Recordou Santalices que canda a festividade litúrxica do Apóstolo Santiago, desde hai 99 anos se celebra o Día da Patria Galega e, en datas máis recentes, o Día de Galicia; “unha festa patriótica, patrimonio de todos, ao igual que esta solemne cerimonia relixiosa”. O presidente do Parlamento rematou a súa invocación desexando “que estas e calquera outra celebración sexan sempre fonte de unión no esencial para sermos mellores”.
Rematada a cerimonia na Catedral, o presidente do Parlamento dirixiuse ao Pazo de Raxoi, onde asinou no libro de ouro da cidade e asistiu á recepción ofrecida polo Concello de Santiago na honra do delegado rexio.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.