Santiago, 30 de xullo de 2018.- O titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na súa condición de presidente de honra do Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega, asinou este mediodía en Santiago a acta do xurado encargado de conceder estes galardóns logo da reunión celebrada esta mañá en Ourense. O fallo do xurado farase público esta tarde.
A sinatura da acta tivo lugar no transcurso dunha reunión do presidente do Parlamento con Alexandre Sotelino Losada, profesor da USC, director artístico/académico do Festival Internacional Rebulir (FIR) e secretario do Xurado dos Premios Rebulir.
O Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega está
presidido por Sandra González Sousa (presidenta da AC. Rebulir) mentres que actúa como secretario Alexandre Sotelino Losada (profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director artístico/académico do FIR). Tamén integran o xurado, como vogais, Juan Carlos Rodríguez Matías (alcalde do Concello de Ramirás), Rosendo L. Fernández Fernández (vicepresidente da Deputación de Ourense), Anxo M. Lorenzo Suárez (secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia), Susana Durán González (directora administrativa do FIR), e Xosé M. Cid Fernández (profesor da Universidade de Vigo).
Os Premios Rebulir da Cultura Galega naceron no ano 2012 como recoñecemento a persoas e colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura galega nas súas diferentes manifestacións. A entrega ten lugar cada ano na gala central do Festival Internacional Rebulir, que se celebra en Ramirás (Ourense) O galardón consta de tres categorías: Música galega, Patrimonio oral inmaterial e Premio homenaxe.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.