saltar ao contido

O presidente do Parlamento anima a potenciar o consumo de peixe, “un alimento nutritivo e saudable”

Inauguración 05/07/2019

• Santalices Vieira inaugurou en Vigo a terceira edición do Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest, certame “bo para Vigo e para o conxunto de Galicia”
 
• Recorda que o 90% das enfermidades cardiovasculares prematuras poderían previrse cun estilo de vida axeitado, evitando o tabaco, facendo exercicio físico e levando unha dieta sa, con máis peixe
 
Santiago, 5 de xullo de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá a terceira edición do Festival ARVI do Peixe, VigoSeafest, unha iniciativa da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo orientada a promocionar a cultura culinaria dos produtos do mar.
 
Santalices felicitou aos promotores deste certame que, na súa opinión,  “é bo para Vigo e para co conxunto de Galicia”, porque atrae visitantes á cidade e porque recorda a transcendencia económica do sector extractivo e de toda a cadea relacionada, da que dependen máis de 30.000 familias na área da cidade olívica.
 
Consumir máis peixe
 
O titular da Cámara galega amosouse preocupado polo “desleixo dunha parte importante da poboación en relación cos hábitos de vida saudable e recordou, a modo de exemplo, que preto do 90% das enfermidades cardiovasculares prematuras poderían previrse cun estilo de vida axeitado, evitando o tabaco, facendo e exercicio e levando unha dieta sa. Trátase, segundo dixo, de “consumir produtos reais, sen procesar ou escasamente procesados, e potenciar o consumo de peixe, especialmente o peixe azul”.
Neste contexto considerou “un acerto” o Vigo SeaFest porque contribúe a concienciar á sociedade sobre a ampla oferta de produtos do mar que ten á súa disposición e tamén porque “apoia o consumo e peixe, un alimento nutritivo e saudable que fariamos ben en potenciar no noso día a día”.
Referiuse tamén ao “protagonismo” que a pesca, o marisqueo e a acuicultura teñen nos diferentes órganos que configuran o Parlamento de Galicia, “unha realidade acorde coa condición de Galicia como potencia pesqueira indiscutible”.
 
Preservar o medio mariño
 
Canda o apoio para o sector pesqueiro, Santalices Vieira reclamou tamén a implicación da sociedade para a preservación do medio mariño, porque “ningunha persoa sensata pode resignarse ante un mar contaminado” e os recursos naturais “son finitos, aínda que ás veces nos esquezamos diso”.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina