• O presidente da Cámara, acompañado por outras autoridades, descubriu esta mañá na casa familiar de Xocas, en Facós, Lobeira, unha placa conmemorativa
Santiago, 18 de xullo de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe en Lobeira no descubrimento dunha placa conmemorativa do 30º aniversario do falecemento do etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas.
Santalices Vieira afirmou que “Galicia enteira está en débeda con moitos dos nosos devanceiros, moi particularmente con todos os galeguistas históricos, e dentro destes, cos protagonistas da Xeración Nós, que tivo o seu epicentro en Ourense, e a Xaquín Lorenzo, Xocas, como un dos seus integrantes serodios”.
Recordou os intensos vínculos de Xocas con Lobeira, a terra dos seus devanceiros na que pasou longas tempadas, desde a súa infancia e adolescencia. “En Lobeira –sinalou o presidente do Parlamento-, Xocas observaría a decadencia dun mundo campesiño xa daquela en transformación, e que el se apresurou a estudar a partir dunha capacidade innata para a observación, a descrición e a análise minuciosa”. Na casa familiar de Facós elaborou Xaquín Lorenzo , cunhas táboas vellas, a súa primeira maqueta dun carro de bois, traballo que completaría máis tarde e que o levaría a ingresar no Instituto de Estudos Galegos, da man de Cuevillas, cando apenas contaba 18 anos.
Primeiros traballos etnográficos
Foi, deste xeito, en Lobeira onde Xocas comezaría os seus traballos etnográficos “recollendo cantigas, costumes e tantos outros elementos que conforman a nosa cultura e, con ela, a nosa identidade coma galegos”.
A homenaxe a Xocas continuará esta tarde en Ourense cunha mesa redonda titulada Xocas, no ronsel da Xeración Nós xa que nesa cidade, en palabras de Santalices, “forxou a súa maduración como intelectual e como galeguista, mais tamén a súa vocación como arqueólogo e como etnógrafo, vertente na que aínda non foi superado, probablemente, nos nosos días”.
A placa, “en lembranza e homenaxe a un galego bo e xeneroso”, quedou colocada na casa familiar de Xocas, en Facós, onde o etnógrafo homenaxeado faleceu na tardiña do 18 de xullo de 1986. Tamén interviñeron no acto o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.