saltar ao contido

O Parlamento de Galicia rende homenaxe a Carballo Calero cun libro e unha mostra bibliográfica

Carballo Calero 01/10/2020

• O presidente da Cámara recorda a participación do homenaxeado no Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, iniciativa pioneira para “dotar a Galicia dun sistema institucional sólido”
 
• Subliña que “homes e mulleres como don Ricardo inzaron de galeguismo este noso Fogar de Breogán, daquela en condicións infinitamente máis adversas que as actuais”
 
• O Parlamento abre ao público unha mostra con bibliografía e documentos varios de Carballo Calero, entre os que figura o seu carné de socio do Seminario de Estudos Galegos ou dúas cartas de Otero Pedrayo, entre otros
 
Santiago, 1 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia presentou hoxe o libro Ricardo Carvalho Calero, Orador. Discursos e leccións, editado pola Cámara galega para homenaxear ao autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2020. Ao tempo, o Parlamento inaugurou, na propia Biblioteca Carballo Calero da Cámara, unha mostra bibliográfica do intelectual, que estará aberta ao público durante os próximos meses.
 
No acto de presentación, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que para o Lexislativo é un “privilexio” ser, desde 1997, o depositario da biblioteca persoal, o legado documental e epistolar de Carballo Calero, unha honra “á que queremos corresponder coa edición do volume que hoxe presentamos” e coa mostra configurada a partir dunha escolma dese material.
 
Recordou Santalices que o libro foi elaborado de acordo coa familia do homenaxeado e coordinado pola profesora e ex-deputada Pilar García Negro, experta na vida e obra de Carballo Calero.
 
O volume recompila diferentes discursos e leccións de Ricardo Carballo Calero, contido que, segundo Santalices enlaza cunha das esencias do parlamentarismo: a palabra.
 
Anteproxecto de Estatuto de Autonomía
 
O presidente da Cámara recordou que Carballo Calero e Lois Tobío deron forma ao Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, a partir das achegas encargadas a un grupo de traballo integrado tamén por Bóveda, Paz Andrade e Risco. Por iso, “desde as institucións galegas estamos en débeda cos seus autores, polo seu labor pioneiro de cara a dotar a Galicia dun sistema institucional sólido”.
 
Santalices referiuse tamén ao compromiso galeguista de Carballo Calero e dos restantes galeguistas históricos, “protagonistas dunha vida trufada de renuncias e de servizo á causa galega”, con “Galicia e os galegos por riba de todo”.
 
Apuntou que “homes e mulleres como Don Ricardo inzaron de galeguismo este noso Fogar de Breogán, daquela en condicións infinitamente máis adversas que as actuais”.
 
Mostra bibliográfica
 
A presentación do libro celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou coa participación, entre outros, da autora da obra, Pilar García Negro; de familiares de Carballo Calero; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.
 
A Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero, coordinada tamén por Pilar García Negro, está configurada cronoloxicamente e integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos varios entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outros materiais.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina