O Parlamento de Galicia expresou este mediodía, cun minuto de silencio, o seu pesar polo naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, rexistrado na madrugada de onte mentres faenaba en Terranova.
Na concentración, convocada pola Presidencia da Cámara, participaron o presidente do Parlamento, portavoces, deputadas e deputadas, así como persoal da institución e representantes do Valedor do Pobo e do Consello de Contas.
Tamén se sumou un grupo de persoas da Asociación de alumnado e exalumnado sénior da Universidade de Vigo-Campus de Pontevedra, que esta mañá participa nunha visita guiada ao Parlamento de Galicia.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reiterou a súa condolencia, ánimo e agarimo ás familias da tripulación do Villa de Pitanxo e subliñou que toda Galicia está con elas “porque a súa dor é a nosa dor”.
“Ante un golpe tan duro non hai palabras para consolar a estas familias”, afirmou, antes de pedir que, “na medida do posible, se axilicen os trámites” para que as familias podan recuperar os corpos dos seus seres queridos. Santalices indicou que esta mañá recibiu unha mensaxe de condolencias dos presidentes e presidentas dos parlamentos autonómicos.
Bandeiras a media asta no Parlamento
No marco do loito decretado pola Xunta de Galicia, as bandeiras ondean a media asta no Parlamento en sinal de dor polo naufraxio do pesqueiro con base en Marín.