saltar ao contido

Santalices reclama un “un gran pacto social pola sanidade no que, sen obviar as críticas, todos nos esforcemos en remar na mesma dirección"

Fundación do Museo do Médico Rural 22/10/2022


• O presidente do Parlamento de Galicia participou en Maceda no acto de constitución da Fundación do Museo do Médico Rural
 
• “Dispoñemos dunha sanidade pública avanzada que supera razoablemente calquera comparación co pasado e con outros territorios”, afirma
 
Santiago, 22 de outubro de 2022.-
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que “cómpre un gran pacto social pola sanidade no que, sen obviar as críticas, todos nos esforcemos en remar na mesma dirección”. Santalices compartiu esta reflexión no acto de constitución da Fundación do Museo do Médico Rural de Maceda, celebrado na tarde deste sábado nesa localidade ourensán.
 
A xuízo do titular da Cámara galega, resulta incoherente criticar as carencias de persoal do sistema sanitario e, ao tempo, negarlle a Galicia a posibilidade de formar a un maior número de facultativos nas especialidades con maior demanda. “Exercer o autogoberno tamén  implica velar por unha oferta formativa acorde coas nosas necesidades”, precisou.
 
A importancia do acto clínico

 
Na súa intervención, Santalices Vieira reivindicou a utilidade do Museo do Médico Rural e apuntou que malia que os avances científicos facilitan o diagnóstico e o tratamento, “ningún aparato, por moi avanzado ou custoso que resulte, pode substituír o ollo clínico, a exploración concienzuda efectuada por  un médico vocacional que ausculta, palpa, olla con detemento, escoita e interroga ao enfermo. Que contempla e trata á persoa no seu conxunto, en lugar de facelo exclusivamente sobre un síntoma concreto”.
 
Para o presidente do Parlamento de Galicia, a visita ao Museo do Médico Rural evidencia o avance rexistrado pola medicina en xeral e pola medicina rural en particular. “Ata os lugares máis remotos da nosa xeografía, aos que outrora dificilmente podía acceder un médico a cabalo, hoxe dispoñen de cobertura para urxencias sanitarias a través do 061 as 24 horas, e contan cun centro de saúde ou un PAC a unha distancia razoable”, recordou.
 
Carencias versus fortalezas
 
Nsta liña, o titular do Lexislativo galego agregou que “malia que non sempre nos decatemos diso, e sexa máis doado reparar nas carencias que admitir as fortalezas, dispoñemos dunha sanidade pública avanzada que supera razoablemente calquera comparación que podamos efectuar co pasado e, por suposto, con calquera outro territorio de características equipaballes ás nosas”.
 
Santalices agradeceu o compromiso dos promotores e patrocinadores da Fundación do Museo do Médico Rural de Maceda, un instrumento xurídico que asegura o futuro do Museo. Tamén recoñeceu o traballo  do impulsor e director do centro, o Dr. José Manuel Lage Parente.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina