• Recala no Parlamento de Galicia unha mostra organizada pola Coordinadora Galega de ONGD para conmemorar o seu 30 aniversario
• Trátase dunha exposición fotográfica que homenaxea ás mulleres activistas polos dereitos humanos en distintos países
• Pode visitarse no Pazo do Hórreo ata o 29 de novembro
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022.- O Parlamento de Galicia inaugurou esta mañá unha mostra fotográfica organizada pola Coordinadora Galega de ONGD que se poderá visitar no Pazo do Hórreo ata o 29 de novembro. Titúlase De oficio, defensoras e está protagonizada por 17 mulleres defensoras de dereitos humanos de países como Guatemala, Colombia, Palestina, India ou o Chad que traballan man a man coas ONGD galegas.
A actividade enmárcase na conmemoración do 30 aniversario da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento. Na inauguración estiveron presentes representantes das entidades integradas na coordinadora.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradeceu no seu discurso tanto a exposición como “o traballo que desenvolven as diferentes entidades integradas na Coordinadora Galega de ONGD”.
A solidariedade do pobo galego
Recordou o presidente da Cámara que a “a consolidación da autonomía galega”, que vén de celebrar o seu 40 aniversario, “permitiu reforzar a vocación solidaria do pobo galego”.
A xuízo de Santalices, “a autonomía trouxo consigo maiores cotas de benestar, máis posibilidades económicas e, por tanto, a capacidade para destinar máis recursos públicos a apoiar o traballo das ONGD que apoian a quen máis o necesita, moitas veces en lugares distantes, axudando a persoas e colectivos en situacións de extrema vulnerabilidade”.
A importancia do traballo a prol dos dereitos humanos
Da exposición, quixo destacar o presidente do Parlamento que repara en dúas realidades que “xamais deberían deixar de preocuparnos”, como son “a defensa dos dereitos humanos e o combate das inxustizas de calquera orde” e a igualdade de xénero, “unha materia pendente na que resta todo ou case todo por avanzar noutras latitudes, o que converte en auténticas heroínas a moitas mulleres, como algunhas das que protagonizan a exposición”.
Deste modo, Santalices destacou que “non resulta doado traballar nun ámbito no que as necesidades multiplican os recursos dispoñibles”, pero que “a suma de esforzos individuais produce sempre resultados extraordinarios”.
O titular do Lexislativo galego lembrou que “nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao Parlamento de Galicia”. Por iso, “as portas do Parlamento de Galicia están sempre abertas de par en par a iniciativas como esta mostra”.
Participantes
As mulleres que participan na exposición son:
Ana Celia Miranda (Nicaragua). Defensora dos dereitos das mulleres indíxenas e afrodescendentes e axente de medicina tradicional.
Warda Mohamed (Sáhara Occidental). Psicóloga e defensora do dereito á saúde.
Angélica Cárcamo Herrera (O Salvador). Defensora da liberdade de expresión.
Haydée Castillo Flores (Nicaragua). Activista feminista e defensora dos dereitos humanos.
Salma Khalil (Chad). Artista, escritora e defensora dos dereitos humanos.
Vanada Sharma (India). Defensora dos dereitos das mulleres.
Morena Herrera Argueta (O Salvador). Activista feminista e defensora dos dereitos humanos.
Mariam Barghouti (Palestina). Disidente e defensora dos dereitos humanos.
María Galindo (Bolivia). Bastarda, antiseñorita, abajista e axitadora de rúa.
Nayibis Mercado (Colombia). Defensora dos dereitos humanos.
Juventina López Vásquez (Guatemala). Activista, mediadora de conflitos e guía espiritual.
Aminetou Mint El Mokhtar (Mauritania). Defensora dos dereitos humanos.
Elizabeth Vélez Vargas (República Dominicana). Defensora dos dereitos das mulleres.
Doris Elisabeth Pérez (Honduras). Defensoras da terra.
Yolidia de Los Ángeles Hernández Gutiérrez (Nicaragua). Biointensivista e responsable de xénero.
Margarita Alemán (Guatemala) Lideresa comunitaria e activista polos dereitos das mulleres.
Quimberley Conda (Colombia) Activista ambientalista e líder comunitaria.
As ONGD galegas que participan nesta exposición son: Arquitectura sen Fronteiras, Asemblea de Cooperación pola Paz, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Amigos da Terra, Axuda en Acción, EDUCO, Enxeñería sen Fronteiras, Fundación Entreculturas, Farmamundi, Fundación Tierra de Hombres, Mans Unidas, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, Sólida, Solidariedade Galega e Solidariedade Internacional de Galicia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación