saltar ao contido

Unha exposición itinerante amosará unha escolma da colección de arte do Parlamento nas cidades galegas

A Nosa Arte 23/11/2022

​• A mostra, titulada “A Nosa Arte”, comeza a súa itinerancia en Vigo, onde se inaugura mañá xoves ás 19,00 h. na sede Afundación
• Está organizada coa colaboración da Xunta e Afundación e comisariada por tres académicos da Real Academia Galega de Belas Artes

Santiago, 23 de novembro de 2022.- Unha escolma das máis de 300 pezas que integran a colección de arte do Parlamento de Galicia percorrerá as principais cidades galegas nunha exposición itinerante denominada “A Nosa Arte”, que mañá se inaugura na sede Afundación, en Vigo, ás 19,00 horas.
 
O Parlamento de Galicia conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Afundación para executar este proxecto expositivo, no que tamén participa a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
 
De feito, a mostra está comisariada por tres académicos da institución: a catedrática emérita de Historia da Arte e arquiveira-bibliotecaria da Academia, María Victoria Carballo-Calero; e os académicos da sección de Arqueoloxía e Museoloxía Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez. Os tres foron os encargados de realizar a escolma das obras que se amosarán na exposición, un total de 37 pezas; a maior parte delas percorrerán todas as cidades, mentres que arredor dunha cuarta parte irán mudando en función da urbe na que se exhiban.
 
E exposición itinerante “A Nosa Arte” enmárcase na programación cultural do Parlamento de Galicia e xurde cun dobre obxectivo: dar a coñecer a colección de arte da Cámara galega e achegar o poder lexislativo galego á cidadanía.
 
A inauguración da mostra correrá a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que estará acompañado polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina