Desde finais do século XIX e ata entrado o XX, a sociedade galega mergullouse nunha loita para reivindicar os dereitos da terra que traballaba. Este movemento, coñecido coa denominación de agrarismo, foi decisivo para os labregos e labregas da nosa comunidade e rematou coa redención dos foros vixentes desde a Idade Media. Ata ese momento, sucesos como o ocorrido hai cen anos en Sobredo (parroquia de Guillarei, Concello de Tui), nos que perderon a vida polos disparos da Garda Civil Cándida Rodríguez, Joaquín Besada e Venancio González, lémbrannos a importancia deste movemento no avance de Galicia.
A crueza da realidade diaria da poboación agraria, que representaba máis de tres cuartos do total da demografía galega, unido á profunda crise que vivía España, propiciaron a aparición dun pensamento crítico que reclamaba unha transformación integral do sistema vixente. En Galicia, este descontento xeral cristalizou nun movemento histórico, sen precedentes. Os labregos e as labregas comezaron a agruparse, pouco a pouco, unidos polas ansias de mellora nas condicións de vida e a eliminación das desigualdades existentes.
As sociedades labregas dinamizaron o rural e loitaron por reformular as regras de propiedade da terra e garantir dereitos básicos como a educación ou a sanidade. Tamén reclamaron melloras nos modos de traballo e a introdución de tecnoloxías que facilitasen as tarefas diarias. Os fitos desta loita tiveron repercusións dentro e fóra dos límites de Galicia ata a esperada aprobación, en 1926, do Real decreto lei de redención dos foros.
O Parlamento de Galicia recoñece o espírito solidario de todos os que loitaron a favor dos dereitos dos seus semellantes, coa vista posta na mellora da sociedade galega, e lembra as vítimas da represión contra este movemento, producidas en Campo da Porta (Salcedo, Pontevedra), Oseira (Cea), Nebra (Porto do Son), Terra de Trasancos, Sofán (Carballo) ou Sobredo (Tui), e tantos outros lugares do territorio galego.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022