saltar ao contido

O presidente do Parlamento recorda que o galeguismo está en débeda con Rosalía de Castro

02/03/2023

 

 

  • Santalices advirte que o recoñecemento académico non garante o coñecemento popular da autora e anima a manter vivo o seu  legado: “non vaia ser que os máis novos a confundan coa intérprete de Motomami"

 

 

Santiago, 1 de marzo de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou este mércores que o sentimento galeguista non tería sido posible sen a semente depositada por Rosalía de Castro e a súa obra.

 

Na presentación da obra Rosalía de Castro. Unha galega para un pobo, unha lingua e unha fala, celebrada na tarde deste mércores na capela real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, Santalices apuntou que a partir do rexurdimento literario que principia coa publicación de Cantares Gallegos, en 1863, “a lingua galega comeza a recuperar, paseniñamente, o seu protagonismo como lingua culta". Referiuse tamén ao “xermolar do sentimento galeguista que foi evolucionando desde entón ata como hoxe o coñecemos". Pero, “sen Rosalía, nada disto tería sido posible".

 

Deu voz á alma dos galegos esquecidos

 

A xuízo do titular do Lexislativo galego, Rosalía de Castro “foi unha muller pioneira en moitos ámbitos; unha muller que, coa súa sensibilidade característica, puxo voz, por vez primeira, á alma dos galegos que ata entón permanecían mudos. E, ademais, ninguén quería escoitalos, malia que padecían en carne propia inxustiza, aldraxes e miseria a eito".

 

Santalices recordou que “o paso do tempo consagrou a Rosalía, escritora bilingüe, como a gran poeta galega de todos os tempos, tamén como unha figura moi potente das letras españolas, hoxe felizmente traducida e moitas linguas e protagonista de innumerables estudos".

 

Aínda así, o presidente do Parlamento de Galicia insistiu en que o recoñecemento académico non sempre garante o recoñecemento popular, especialmente na sociedade actual, dominada pola cultura audiovisual. Por iso, insistiu Santalices, “todos temos a obriga de manter vivo o legado de Rosalía de Castro, a nosa Rosalía. Non vaia ser que os máis novos a confundan coa intérprete de Motomami".

 

A obra presentada hoxe está editada por Teófilo Edicións e reúne nun estoxo os tres títulos máis destacados de Rosalía de Castro: En las orillas del Sar, Cantares Gallegos e Follas Novas, xunto cunha biografía da escritora.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina