Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 22 de abril de 2026
5.2. 37610(12/PNP-002754)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia Rodríguez Martínez, Roberto e 13 máis Sobre a proposta de resolución que se presenta co fin de ratificar o apoio íntegro á Proposición de lei orgánica de transferencia a Galicia da titularidade e competencias da AP9 e a demanda ao Goberno galego de medidas para facer respectar este acordo
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, 276, 29.10.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia acorda como resolución ratificar o seu apoio ao contido íntegro da proposición de lei orgánica de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da titularidade e competencias da autopista do Atlántico (AP-9), aprobada por unanimidade nesta Cámara e reivindicación plenamente vixente, e insta á Xunta de Galicia a adoptar cantas medidas sexan necesarias para facer respectar este acordo e garantir unha AP-9 plenamente galega, cunha xestión pegada ao territorio e libre de cargas."
5.4 53840(12/PNP-003585)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia Viso Diéguez, Miguel Ángel e 13 máis Sobre as accións que debe levar a cabo o Goberno galego co obxectivo de seguir impulsando o apoio aos profesionais da produción de leite na nosa comunidade Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, 353f1, 25.03.2026
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir liderando o plan de apoio aos profesionais da produción de leite na nosa comunidade e, con este obxecto, seguir promovendo medidas de impulso dirixidas a:
1º.- Reforzar de forma inmediata os controis sobre os contratos lácteos, garantindo que se cumpra estritamente a Lei da Cadea Alimentaria e que os prezos pagados aos produtores cubran, como mínimo, os custes de produción en todos os elos da cadea. Sen permitir en ningún momento a destrución do valor da cadea.
2º.- Intensificar as inspeccións sobre a trazabilidade e a etiquetaxe do leite e dos produtos lácteos, co fin de evitar fraudes ou prácticas que poidan inducir a erro ás persoas consumidoras sobre a orixe do produto e, no seu caso, trasladar ao organismo competente os indicios de incumprimento que se detecten.
3º- Exercer unha defensa firme do sector lácteo galego, promovendo reunións periódicas cos produtores, as industrias e coa distribución para garantir unhas relacións comerciais equilibradas e que garantan uns niveis adecuados de rendibilidade a todos os elos da cadea.
4º.- Promover diante do Goberno de España e das institucións europeas medidas para evitar a competencia desleal derivada da entrada de excedentes lácteos doutros países da Unión Europea que poidan prexudicar ao sector galego.
5º.- Esixir ao Goberno de España a modificación da Lei da Cadea Alimentaria (Lei 12/2013) para garantir a súa eficacia, en particular:
a) Establecer un sistema estandarizado de cálculo dos custos de produción que sirva de referencia nos contratos lácteos, outorgue transparencia e determine os organismos responsables da súa fixación.
b) Publicar un índice de evolución dos custes de produción do sector produtor de leite de maneira periódica, que serva de referencia para a formalización dos contratos.
c) Impulsar mecanismos de indexación de prezos para contratos de longa duración, vinculados á evolución dos custos de produción.
6º.- Demandar ao Goberno de España a modificación do Paquete Lácteo (Real decreto 95/2019) para reforzar a súa eficacia, en particular:
a) Que para a presentación dun novo contrato se permita rexeitar ofertas non só pola duración, senón tamén polo prezo, garantindo que o contrato final non sexa inferior ao rexeitado.
b) Estender a obriga de revisar á alza os prezos en casos de venda a perdas continuada a todas as relacións contractuais consecutivas superiores a seis meses.
c) Prorrogar automaticamente os contratos vixentes se non hai acordo no prezo, garantindo a recollida do leite durante o período de tempo de negociación e evitando a perda do leite non recollido."